Mabel Rivera (actriz) e Enrique Banet (director de fotografía e realizador de televisión), como profesionais do audiovisual, decidimos dedicar unha parte importante, a máis importante se cadra, do noso traballo á realización de obras de contido social, de denuncia de actuacións arbitrarias e abusos de poder, de divulgación de culturas en perigo, natureza ameazada, etc., etc.
A realización deste tipo de actividades ten un custo persoal e económico, por moito que a nós nos supoña a satisfacción de colaborar ao necesario cambio para acadar unha sociedade máis xusta, equitativa e solidaria.
As nosas primeiras producións "O Salario do Silencio" e "Unha Lousa sobre O Courel", serviron para iniciarnos neste compromiso e aprender a movernos nese terreo. A comercialización destes produtos vímola realizando a través da organización de numerosas proxeccións en todo tipo de lugares: pubs, institutos, locais sociais, salas de prensa, asociacións culturais, cines, etc., promovendo o debate e informando directamente ao público sobre os temas tratados. A
venda de copias en DVD efectúase a prezos simbólicos, unicamente para facer fronte aos nosos gastos de desprazamento e rodaxe e así poder repartir beneficios con aquelas asociacións ou colectivos afectados polo tema denunciado no documental.
Neste momento queremos dar un paso adiante moito máis ambicioso. Seguindo na mesma liña, propoñémonos producir cine tanto documental como de ficción. Evidentemente, os custos serán moito máis elevados e non os imos poder asumir en solitario; por iso adoptamos unha nova fórmula da que vos queremos facer partícipes, sen que vos supoña correr risco ningún. Trátase de que participedes comprando unha copia por anticipado, co compromiso, pola nosa parte, de que, transcorrido un tempo prudencial, se non conseguimos reunir o capital necesario, devolveríasevos o importe recibido a conta.
En cada un dos proxectos incluimos o importe (moi reducido) de cada copia, que se vos entregaría unha vez estreada a película, coa posibilidade de subscribirse a tres proxectos moi diferentes entre si, e cada un co seu particular atractivo:
Nas Portas do Ceo, longametraxe de ficción que rodaremos na rexión de Solu Khumbu, en Nepal, do que podedes descargar o guión e a presentación en PDF no apartado de "descargas". O 20% dos beneficios obtidos coa distribución desta pélícula destinaráse a algunha das asociacións de refuxiados tibetanos existentes en Nepal.
Galicia Catro Estacións, longametraxe documental que recollerá a evolución da Natureza en Galicia ao longo dun ano, resaltando a importancia da Biodiversidade, e para o que contamos coa colaboración de numerosos especialistas da Universidade galega. O 30% dos beneficios destinaráse a asociacións galegas que loitan pola defensa do noso medio natural.
Sherpas, serie etnográfica de tres capítulos de unha hora cada un, na que se
recollen os máis sorprendentes oficios, dende a elaboración artesanal do "khuhuri" (o coitelo dos famosos guerreiros Ghurka) a partir dunha ballesta de coche, ata a construcción duhna confortable casa unicamente coas mans, pedras, barro e madeira, na alta montaña. Esta serie, xa rodada, inclúe grabacións de viaxes realizadas en diferentes anos e estacións, e está lista para entrar na fase de montaxe. O 20% dos beneficios entregaráse á Fundación Galicia Verde para que ésta, a través do proxecto "Nas portas do Ceo", o utilice para comprar calzado para os porteadores das zonas máis desfavorecidas dos Himalaias nepalíes.
POR FAVOR, DIVULGA ESTA INFORMACIÓN MERCA AGORA AS TÚAS COPIAS. FAI CLICK AQUÍ
